Exposición CARUNCHO. GEOMETRIA MUNDI, na Coruña
comisario | JUAN DE NIEVES
VISITAS GUIADAS para público xeral
30 NOV | 19.00 h
14, 21 e 28 DEC | 19.00 h
4, 11 e 18 e 25 XAN | 19.00 h
1, 8 e 15 FEB | 19.00 h
Límite prazas 25 persoas!
Enmarcadas en Cultura por Alimentos: trae a túa doazón de produtos non perecedoiros cando asistas á visita guiada.
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde a nosa web para saber de todas aquelas actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais, en colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos. Esta exposición forma parte da rede de actividades adheridas á iniciativa, polo que te convidamos a deixar a túa doazón á entrada do edificio, no punto habilitado, cando a visites.
A ilusión compartida que nos move! Infórmate aquí
LUÍS CARUNCHO
A figura de Luís Caruncho (A Coruña, 1929 – Madrid, 2016) constitúe unha das personalidades de maior relevancia na escena artística e cultural española na segunda metade do século XX. As súas contribucións non só se cinguen á súa intensa actividade como pintor e escultor da chamada abstracción xeométrica ―ou do posconstrutivismo―, senón tamén ao seu labor como deseñador nun amplo rango de campos, e moi especialmente nas súas continuas achegas desde e para a arquitectura. Ao longo da súa intensa actividade artística, Caruncho investigou incansablemente sobre a liña, o espazo e a cor, tanto na súa obra pictórica como nas súas esculturas e gravados, xerando un corpus de traballo baseado na repetición e as series, e todo iso desde unha estrita fidelidade ao principio reitor da xeometría como método para interpretar o mundo. Con esa mesma visión, Caruncho proxectou e desenvolveu tamén os seus traballos de deseño, arquitectura, escenografía e interiorismo, sen establecer xerarquías entre a súa produción artística e as múltiples aplicacións no resto dos ámbitos nos que afondou.
«Caruncho. Geometria Mundi» expón un percorrido global pola obra de Caruncho en formatos diferentes: desde o óleo á técnica mixta, da pintura á escultura, da madeira ao aceiro… Tamén poderás ver pezas de carácter documental que reflicten o universo creativo dun dos artistas máis coherentes e interesantes do panorama artístico español do século XX: fotografías, maquetas, debuxos ou múltiples publicacións, entre outros.
Tal e como expón o comisario da mostra, Juan de Nieves, a exposición foi construída emulando «o mesmo espírito» co que Luís Caruncho «viviu e traballou», indo «desde o micro ao macro». De Nieves destaca que o polifacético artista plástico coruñés disolveu coa súa obra «as fronteiras entre a arte con maiúsculas e as formas que nos acompañan na esfera cotiá, poñendo de relevancia, en definitiva, unha visión honesta e desprexuizada sobre a función social da arte».
SALA METAFÍSICA
O percorrido que expón esta exposición retrospectiva de Caruncho termina cunha aposta por ir máis aló na inmersión: a Sala Metafísica, coa que podes introducirte fisicamente no universo creativo do artista, a partir de obras, fotografías, obxectos de deseño e documentos. A sala foi deseñada para a ocasión inspirada na obra de Caruncho Espazo metafísico, de maneira que vivas a experiencia de acceder directamente ao mundo xeométrico do artista. Esta orixinal montaxe presenta documentación e información, visual e sonora, sobre o artista, de modo que vida e obra fúndense nun mesmo espazo.
A CORUÑA
Desde Afundación dedicamos esta mostra, coa que concluímos a nosa programación de exposicións de 2023 na sede da Coruña, a un dos máis importantes artistas coruñeses do século XX. Máis aló da importancia da súa obra, Caruncho deixou na cidade herculina o seu sinal de divulgador cultural e da arte co seu traballo á fronte do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF), así como en deseños presentes nalgúns edificios emblemáticos da cidade como no que foron as galerías comerciais de María Pita, ou a presenza da Torre de Hércules nunha das súas máis recoñecidas series, representada tamén na exposición.
As obras que se poden ver na exposición pertencen a coleccións particulares, Colección Afundación e Colección ABANCA, cun importante protagonismo na mostra de obras propiedade da familia de Caruncho.
ESCOLARES
Para achegar a personalidade artística e a mirada xeométrica de Caruncho ao colectivo escolar, deseñamos unha oferta educativa que se completa con talleres de sustentabilidade e STEAM:
- Visita conto con taller, infantil ata 4º Primaria | «Paxariñas a voar»
- Visita con taller, desde 5º Primaria ata 2º ESO| «Arquitecturas pictóricas»
- Visita comentada, 3º e 4º ESO, bacharelato e C.F. | «Caruncho. Geometria Mundi»