Exposición. BERCES DE VIDA. Sarria
Oficina Municipal de Turismo (edificio da Antiga Prisión Preventiva) Avenida da Mercé, 8 | SARRIA
Berces de vida, articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.
Esta mostra, comisariada polo dúas veces gañador do Premio Nacional de Medio Ambiente Joaquín Araújo, convídanos a pasear polos bosques de España ao tempo que espallamos a súa beleza e, sobre todo, a súa relevancia na sustentabilidade da vida, presente e futura.
En palabras de Joaquín Araújo: «O bosque é o lugar onde a luz se converte en vida. É unha fábrica de claridade que traballa incesantemente para que todas as persoas e animais respiremos. Os arboredos suman solos á tona do mundo, que antes era só rocha, e despois frean o deserto que quere arrebatarnos esa primeira riqueza que é a fertilidade natural. Alí tamén están as futuras e máis necesarias materias primas. O bosque esconde a solución para resolver todas as carencias actuais de alimentación, curación e enerxía. Esquecelo é esquecer que o tempo pasa e que o único antídoto é a renovación da vida, á que nada nin ninguén contribúe tanto nin tan eficazmente coma as árbores».
Só hai un planeta, e cada acción para coidalo conta. Por iso, desde Afundación, Obra Social ABANCA, recollemos como liña fundamental da nosa programación, o apoio e divulgación de contidos orientados a fomentar unha mentalidade sostible e comprometida coa natureza.