Exposición BERCES DE VIDA, en Allariz
Casa da Cultura de Allariz [Rúa do Castelo, s/n] | ALLARIZ
BERCES DE VIDA, articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.
comisario | JOAQUÍN ARAÚJO
Esta mostra, comisariada polo dúas veces gañador do Premio Nacional de Medio Ambiente Joaquín Araújo, convídanos a pasear polos bosques de España ao tempo que espallamos a súa beleza e, sobre todo, a súa relevancia na sustentabilidade da vida, presente e futura. En palabras de Joaquín Araújo: «O bosque é o lugar onde a luz se converte en vida. É unha fábrica de claridade que traballa incesantemente para que todas as persoas e animais respiremos. Os arboredos suman solos á tona do mundo, que antes era só rocha, e despois frean o deserto que quere arrebatarnos esa primeira riqueza que é a fertilidade natural. Alí tamén están as futuras e máis necesarias materias primas. O bosque esconde a solución para resolver todas as carencias actuais de alimentación, curación e enerxía. Esquecelo é esquecer que o tempo pasa e que o único antídoto é a renovación da vida, á que nada nin ninguén contribúe tanto nin tan eficazmente coma as árbores».
Só hai un planeta, e cada acción para coidalo conta. Por iso, desde Afundación, Obra Social ABANCA, recollemos como liña fundamental da nosa programación, o apoio e divulgación de contidos orientados a fomentar unha mentalidade sostible e comprometida coa natureza.
CORRENTE CULTURAL é unha aposta de ABANCA e Afundación para difundir cultura por toda Galicia, polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, con interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.