Exposición COMEDY WILDLIFE, en Cedeira
Paseo da mariña | CEDEIRA
Viaxamos por toda Galicia con COMEDY WILDLIFE, a exposición máis aclamada polo público en diferentes cidades galegas, agora en formato de rúa e dentro do programa Corriente Cultural. A través das fotografías seleccionadas no recoñecido Premio Comedy Wildlife Photo, dos anos 2015 a 2024, a exposición fai gala dunha magnífica colección de imaxes de natureza cunha singularidade: diferentes especies animais conectan co ser humano a través do humor. Moitas das fotos arrincaránche un sorriso e, mesmo, algunha farate rir a gargalladas. Ven descubrila na túa localidade.
Exposición recomendada para familias!
As imaxes foron realizadas en distintos recunchos de todos os continentes e resultaron seleccionadas entre 2015 e 2024 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo. A exposición chega a Galicia grazas á colaboración entre Afundación e Terra Espléndida e tras abarrotar en 2023 museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.
Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes» é o que busca este certame, e con el a exposición. Isto é o que asegura o cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o tamén fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto ao fotógrafo de natureza Tom Sullam, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».
«Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar no encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as instantáneas seleccionadas mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns, etc.
Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo, que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente os animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta.
CORRENTE CULTURAL é unha aposta de ABANCA e Afundación para difundir cultura por toda Galicia, polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, con interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes! Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.