Exposición FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia, en Santiago de Compostela
Despois de 50 anos de música, o grupo FUXAN OS VENTOS presenta en Compostela, e da man de Afundación, unha mostra coa que percorrer estas cinco décadas de historia dunha das grandes agrupacións da cultura galega. A traxectoria do mítico grupo folk poderase gozar na Sede Afundación de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) entre o 14 de marzo e o 27 de maio de 2023.
INAUGURACIÓN 14 MAR | Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23) | 19.00 h
O acto de inauguración contará con intervencións musicais a cargo dos compoñentes do grupo.
INVITACIÓNS AQUÍ. Máximo 4 por persoa. Gratuítas e libres ata encher a capacidade.
En 1972, no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, Fuxan os Ventos daba comezo a unha traxectoria musical que se definiría cunha fórmula propia: conxugar a música tradicional coa defensa do país.
Despois de 50 anos, activamos a memoria para lembrar unha das agrupación máis emblemáticas da música galega a través do seu arquivo persoal. Percorremos a súa historia por primera vez a través dunha variedade de formatos (audios inéditos, fotografías, documentos, prensa...) que nos permiten comprender a súa progresión e de que forma tomaron partido pola cultura popular. A exposición conta coa participación activa dos e das protagonistas, un conxunto de singularidades que compón un calidoscopio a partir dos recordos, aprendizaxes e experiencias froito desa viaxe continua de ida e volta co pobo. O ambiente reivindicativo e a vinculación ao rural marcaron o carácter do grupo, que foi capaz de chegar a públicos diferentes e de se converter en referencia para varias xeracións. Desde os inicios, a súa aposta política por dignificar a lingua do país e o imaxinario galego nos escenarios xerou un sentimento de colectividade moi forte, falando dunha «Galiza que se mantén en pé e latexa coa forza dun mundo novo».
Esta mostra pretende ser un camiño polo contexto e polo universo creativo que caracteriza a Fuxan os Ventos, seguindo o legado que o propio conxunto nos deixa: a conservación e a divulgación do noso patrimonio recoñecendo a todas aguelas persoas que sempre mantiveron a cultura viva e confiaron nas posibilidades emancipadoras da arte.
PEZAS EXPOSITIVAS
O interese desta mostra radica en que é a propia memoria de Fuxan, dos seus integrantes e de todos os seus arquivos, os que dan conta deste longo percorrido, traballo e valor para a historia cultural e artística de Galicia. Máis concretamente, a exposición conta co seguinte material: fotografías, carteis de actuacións, recortes de prensa, instrumentos do grupo (zanfona, gaita, pandeiro, guitarra, ocarina, frautas, chifro), arquivos sonoros inéditos (ensaios, actuacións), intervencións sonoras creadas para a exposición, letras, libros de referentes literarios, partituras, imaxes de arquivo cedidas pola TVG e mais do propio grupo, varias pezas audiovisuais creadas para a exposición con entrevistas aos membros actuais, recollidas e o proceso de transformación desas cancións; instalación sobre os exmembros, onde se achegan manuscritos e fotos coas lembranzas do seu paso polo grupo; tamén vinilos, cds e casetes e varios manuscritos: anotacións das actuacións, traballo creativo (letras e partituras) e recollidas (transcricións).
Colaboran na achega de elementos expositivos os fotógrafos Xan Carballa, Xosé Marra, Xaquín Soliño e Xurxo Lobato; as asociacións culturais e entidades Queremos galego, Burla Negra, Asociación Xermolos, Grupo de etnografía e folclore da Academia de Coimbra, Asociación Castro Meda, Concello de Zas, TVG, Museo etnolóxico de Ribadavia; e persoas a título individual: Xico de Cariño, Antón Seoane e familia de Benedicto García, de Voces Ceibes.
A SONORIDADE
A parte auditiva é fundamental nesta mostra, onde as persoas visitantes poden escoitar audios relacionados con cada apartado, tanto para a escoita individual con cascos coma para a escoita en sala. Ademais, crearanse dúas instalacións sonoras específicas: unha relacionada coa idea de escoitar a Fuxan no coche, que é a lembranza que ten moita xente do grupo; e outra relacionada coa parte coral e de voces para poder percibir, de maneira interactiva, ese traballo vocal con cancións xa gravadas nos discos, unha pequena mostra das recollidas de cancións tradicionais, audios inéditos de ensaios e actuacións.
DIDÁCTICA PARA ESCOLARES
Obradoiros de robótica e programación musical.
• INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita – conto con obradoiro de STEAM | As ocarinas prodixiosas
Un grupo de ocarinas máxicas van recuperar o seu son. Cada nota musical que consigamos facer soar neste pequeno
instrumento de vento marcará o camiño para descubrir que esconden os instrumentos musicais de Fuxan os ventos.
• 5º PRIMARIA, ESO, BACHARELATO e CF | Visita – xogo de enxeño con obradoiro de STEAM | Músicas
que cambian a historia
As letras de Fuxan os ventos servirán para falar de varios capítulos da historia de Galicia: o fenómeno da migración,
a guerra civil, o extraperlo... Unha viaxe pola vida diaria dos seus avós, cando a música era unha ferramenta para
cambiar o mundo. E no obradoiro, imos compoñer música programando!
2 €/ ESCOLAR
Máis información e reservas no 981 552 577 ou en [email protected]