Exposición LUME. IMAXES DUNHA TERRA QUE ARDE, en Lugo
En colaboración co Colectivo OLLO e, nesta ocasión, co Concello de Lugo, presentamos o proxecto expositivo, LUME. IMAXES DUNHA TERRA QUE ARDE. Trátase dunha mostra fotográfica de rúa enmarcada na estratexia de sostibilidade transversal que, de xeito parello canda ABANCA, desde 2017, constitúe un piar fundamental de actuación para ambas as entidades. Poderase ver ata o 5 de novembro na Praza Maior de Lugo.
- Autores das fotografías/ audiovisual: Vanessa Casteleiro | Óscar Corral | Agostiño Iglesias | Brais Lorenzo | Adra Pallón | Óscar Pinal | Paula Quiroga
- Coordinación e deseño: Dispara/ Tono Arias
- Asesoría: Plantando Cara ao Lume, proxecto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela
A exposición conta cun total de 13 paneis con fotografías realizadas durante os últimos 15 anos en Galicia por profesionais da imaxe co obxectivo de abordar unha das problemáticas máis preocupantes dos ecosistemas galegos: os incendios forestais. A través das imaxes e da peza audiovisual que conforman «Lume. Imaxes dunha terra que arde» trázase unha narrativa sobre os incendios forestais que apela ao espectador, xerando nel preguntas e respostas, dun xeito sensible pero reflexivo, acerca das causas e das consecuencias desta lacra que cada verán asola Galicia.
A Praza Maior de Lugo loce agora esta mostra que presentan os membros do Colectivo OLLO, autores e autoras das imaxes, Paula Quiroga e Agostiño Iglesias; o coordinador da exposición, Tono Arias; e Agustín Merino, director do proxecto «Plantando cara ao lume» da USC e que exerceu como asesor da mostra. A mostra tamén conta coa colaboración do Concello de Ourense, e poderase ver ata o mes de novembro.
A EXPOSICIÓN
Os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galicia. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar á cidadanía na busca da solución a este desafío. Os autores e autoras son profesionais da fotografía e do audiovisual independente, que desenvolven o seu traballo para diferentes medios galegos e nacionais, mais desenvolven un labor fotográfico paralelo máis persoal enfocado cara ao documentalismo pausado. Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga son os nomes que están detrás das imaxes que conforman a exposición. Trátase de escenas impactantes, que amosan as sensacións da experiencia vivida pola poboación que tivo que sufrir un incendio, así como da experiencia dos traballadores e traballadoras implicados nos labores de extinción, invitando así a crear un espazo para a reflexión.
O novo panorama medio ambiental que se nos está a presentar, así como a propia acción do ser humano no territorio, contribúen a alterar os réximes dos incendios. Así, debemos traballar conxuntamente nunha mirada renovada fronte ao lume, achegando novas liñas de traballo alén da extinción na que a implicación cidadá é vital. A experiencia demostra que poñer o foco na sensibilización e prevención axuda a que a poboación estea máis preparada e as paisaxes sexan máis resistentes ante o lume.
Para a realización da exposición contouse coa colaboración e asesoramento do proxecto «Plantando cara ao lume», coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela.