Exposición PICASSO PROTAGONISTA. Viñetas no cómic español contemporáneo, en Pontevedra
O día 27 de setembro inauguramos no Café Moderno Afundación de Pontevedra a exposición PICASSO PROTAGONISTA. Viñetas no cómic español contemporáneo. Neste 2023 fanse 50 anos do falecemento de Picasso, e con este proxecto propio analizamos a pegada do grande artista a través de 40 importantes autorías de banda deseñada españolas e galegas que despregan a súa creatividade en máis de 170 pezas, en diferentes soportes e técnicas, e moitas delas concibidas ad hoc para a exposición.
VISITAS GUIADAS para público xeral
INSCRICIÓNS AQUÍ
comisario | ASIER MENSURO
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración con FESBAL, co fin de axudar os bancos de alimentos locais. Convidámoste a colaborares cunha doazón de alimentos non perecedoiros ao accederes á mostra.
«Picasso protagonista» propón unha reflexión coa que profundar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo. Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidas autorías galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións de moi diversos soportes se percibe a pegada do gran Picasso. Convivindo coas clásicas historietas en papel, móstranse cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais.
A EXPOSICIÓN
Paco Roca, Eneko, Ángel de la Calle, Javier Olivares, María Herreros, Tony Fernández Pons, Laura Pérez Vernetti, Idígoras e Pachi, e as creadoras e creadores galegos David Rubín, Jacobo Serrano, Cynthia Alonso ou Óscar Raña, son algunhas das prestixiosas autorías que compoñen este orixinal e inédito retrato sobre o pintor malagueño. Unha relación que acolle numerosos premios nacionais de cómic, distinguidos co Premio Nacional de Ilustración, gañadores e candidatos a premios Eisner, ilustradores de The New York Times, Cómics Disney, Angry birds ou El Jueves, entre outras importantes plataformas. En definitiva, nomes de referencia que permiten realizar unha análise rigorosa e innovadora sobre a figura de Pablo Picasso na creatividade do século XXI. O percorrido expositivo estrutúrase en varias seccións que mostran unha lectura do artista a través de distintos enfoques:
• «O mito de Picasso», que mostra a súa carreira como artista, a súa encarnación como mito da xenialidade e vangarda, ou a súa figura como icona pop do noso tempo.
• «Picasso e outr@s artistas», que aborda a súa relación con outros pintores coetáneos como Dalí, Miró ou Duchamp, achégase á figura de pintores anteriores a el, que admiraba e cuxas influencias se perciben nas súas propias creacións como El Greco, Velázquez e Goya, e presenta, finalmente, artistas posteriores ao malagueño e asociados a el nas obras dos historietistas, como Eugenio Merino ou o Nido de Elche.
• «A guerra civil española e Guernica», que trata o posicionamento de Pablo Picasso a favor da República durante o conflito bélico, e en especial a súa obra máis recoñecida, Guernica.
• «Grafismos e linguaxes» presenta os diversos estilos pictóricos que o artista crea ao longo de toda a súa carreira e, en especial, a súa participación na creación da linguaxe cubista.
• «Iconas picassianas e herdanzas gráficas» aproxímase á utilización por parte dos historietistas españois actuais de diversas iconas procedentes dos lenzos de Picasso e á influencia nas súas obras do estilo do xenio da vangarda.
• «Outra visión sobre Picasso» que mostra a diferente percepción do mito de Picasso fóra de España a través da mirada do importante historietista arxentino Liniers, autor da tira de prensa Cosas que, a lo mejor, le pasaron a Picasso.
INNOVACIÓN E INSTALACIÓNS ESPECIAIS
A exposición acolle distintas pezas realizadas especificamente para este proxecto como unha instalación de Gay Lorente, cunha ilustración de máis de 5 metros onde recrea o Guernica descomposto nos seus diferentes elementos, conseguindo unha peza sorprendente na que mergullarse. Tamén Pedro Cifuentes, gañador do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento, achega un panel deseñado para esta mostra no que resume, con linguaxe de cómic e nunha soa escena, as máis importantes facetas vitais e artísticas de Picasso. A ilustradora María Herreros traballou nun espléndido lenzo de grandes dimensións a historia «Cuantos picassos se habrán perdido en niñas del extrarradio». Toni Fernández Pons, autor de varios cómics para Disney, realizou unha revisión do Picasso «Quatre femmes» da Colección ABANCA desde a mirada do grande estudio de animación. Manu Gutiérrez propón unha peza experimental que evoca un xogo de mesa, con estética e iconografía picassiana, composto por taboleiro, dados e pezas. Os galegos Óscar Raña e Cinthya Alonso abordan en clave expresionista e en linguaxe abstracta unha mirada moi persoal á iconografía picassiana, obtendo un díptico de gran forza expresiva; e Jacobo Fernández Serrano realizou, para esta mostra, unha espléndida peza en tres tempos, nos que a forza creativa do pintor malagueño atravesa o filtro do xenial ilustrador galego.
A innovación tecnolóxica está presente tamén na mostra coa actividade «Ti, protagonista», un módulo de computación neuronal aplicada ao mundo da arte. Este sistema de intelixencia artificial analizou as diferentes etapas de Picasso para converter o seu estilo, trazados e gama cromática nun algoritmo que pode transformar, en tempo real, a imaxe dos visitantes nunha obra de arte dixital, adaptada á etapa elixida: rosa, cubista ou clasicista. Unha actividade lúdica na que pode participar todo o público que visite a mostra.