Exposición ESCULTURAS DE BALTASAR LOBO, na Coruña
BALTASAR LOBO. COLECCIÓN ABANCA é a nova exposición que podedes ver na Sede Afundación A Coruña ata o 31 de agosto.
BALTASAR LOBO (Cerecinos de Campos, Zamora, 1910 - París, 1993) é unha das figuras clave da escultura española do século XX. Nesta mostra, presentamos unha serie de tres pezas correspondentes á súa produción en xeso. Trátase duns modelos orixinais que nos permiten entender o proceso de produción do artista, unhas pezas de gran significado a partir das cales o artista realizará algunhas das súas obras máis sobresaíntes en materiais duradeiros coma o bronce.
Artista de orixe moi humilde, iniciarase axiña no mundo da arte como aprendiz nun obradoiro de imaxinería, realizando tallas tradicionais de madeira para igrexas da súa terra. En 1927 trasládase a Madrid iniciando os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, estudos que abandonará logo ao entrar en contacto e interesarse nos movementos de vangarda. Tras o estalido da Guerra Civil, verase na obriga de se exiliar en París, entrando en contacto cos grandes nomes da arte dese tempo, coma Pablo Picasso ou Henri Laurens. Vivirá xunto á súa esposa o resto da súa vida na capital francesa sen renunciar nunca á súa nacionalidade española e durante a súa longa carreira acadará un grande éxito internacional.
A Colección ABANCA presenta por primeira vez ao público este valioso conxunto escultórico froito da doazón da Galería Freites, onde se atopa a representación universal da obra de Baltasar Lobo.