PLANCTON: Limpeza dos fondos marisqueiros en Cambados
Mariscadoras da Confraría de Pescadores de Santo Antón de Cambados, e persoas voluntarias de Afundación e ABANCA traballarán durante toda a mañá do sábado 9 de outubro para levar a cabo unha grande acción de limpeza dentro dos fondos marisqueiros cos que conta a localidade e nos que estas traballadoras do mar desenvolven día a día as súas tarefas.
Vellos pneumáticos semienterrados e grandes conxuntos de cordas e cabos enmarañados que veñen obstaculizando ata a data o traballo das mariscadoras, serán os obxectos máis voluminosos retirados durante o transcurso da actividade.
PLANCTON un Plan de Conservación Territorial
Este gran proxecto impulsado pola Obra Social de ABANCA, pretende fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000, así coma nas zonas de orixe da actividade pesqueira que incide sobre a poboación das aves mariñas. Do mesmo xeito, PLANCTON ten como obxectivo espertar unha conciencia sostible no conxunto da nosa sociedade, e é por iso polo que xunto a estas accións de limpeza, o plan contempla a realización dunha serie de actividades complementarias de sensibilización e formación, sobre os valores intrínsecos da biodiversidade e a necesidade da súa conservación.