Patrimonio singular

Mensaxe de benvida

Unha fundación nace da vontade, a ilusión e dos recursos necesarios postos a disposición dun proxecto ao servizo dunha comunidade. A idea de superación e de mellora colectiva é o corazón desa vontade que nos impulsará a pensar, a avanzar e a nos transformar, que nos capacitará como persoas máis formadas e felices.

Afundación (Fundación Galicia Obra Social) é unha institución galega privada e sen ánimo de lucro que se constrúe en base ao obxectivo de dar resposta ás demandas dunha sociedade en constante evolución, baixo os parámetros da ética e a profesionalidade. Unha institución que nace da vontade de servir á sociedade galega, dentro e fóra de Galicia, e da intención de facela mellorar e evolucionar.

O seu forte compromiso social e a súa clara vocación de servizo ao interese xeral fan de Afundación un axente de transformación social fundamental para a súa contorna que, a través da realización dunha acción educativa, social e cultural, posibilita o desenvolvemento integral das persoas buscando sempre sermos eficientes, relevantes, innovadores e sostibles. Para iso desenvolvemos programas que completan a oferta do resto de institucións galegas públicas e privadas, no ámbito da educación, mediante a implementación dun modelo innovador e de calidade orientado ao mundo da empresa; o envellecemento activo; e o fomento da formación e o desenvolvemento das persoas a través da cultura.

Afundación, ademais de ser o principal promotor da mellora social en Galicia, é o principal axente de responsabilidade social corporativa da primeira entidade financeira galega, ABANCA, que naceu cun marcado carácter socialmente responsable e que é o seu motor e mecenas único.

A ética é o paradigma, o fío condutor de todas as actuacións da nosa entidade, tanto no ámbito programático como nas súas dimensións pública e privada. Un código de conduta ética e profesional regula as pautas de comportamento das persoas que pertencemos á entidade no exercicio das nosas funcións, ademais de ser unha referencia deontolóxica para as persoas que manteñan relacións de calquera índole con Afundación. O código é, finalmente, un exercicio de responsabilidade que demostra o noso compromiso firme de sermos éticos e confiables en todo o que facemos.

Cada pensamento, cada programa ou acción que desde Afundación proxectamos co obxectivo de propiciar a mellora e o avance social, obedecen a unha alta esixencia estética e responden a un claro compromiso ético. Dous fenómenos, o ético e o estético, que conxugados nos permitirán medrar desde o coñecemento que se adquire a través do corazón; facilitarannos alcanzar o saber a través da beleza e farannos máis cívicos, máis xustos e máis felices. E na felicidade Afundación encontrará, sen dúbida, ese norte que a guía e a impulsa a avanzar.


Miguel Ángel Escotet Álvarez
Presidente Afundación