Líneas generales Plan Estratégico 2015-2019

O noso Plan estratéxico impulsa a transformación dixital, a sustentabilidade e a implicación social, eixos transversais nas nosas catro áreas clave: educación, maiores, cultura e voluntariado, prestando especial atención aos colectivos vulnerables e á poboación rural galega.

Educación

Desenvolvemos un plan de dixitalización que permite chegar a novos colectivos e territorios, con proxectos que serven como complemento do ensino regrado, dirixidos a escolares, docentes e familias, impulsando a innovación educativa. En relación á formación profesional, traballamos polo desenvolvemento dunha FP integral cunha oferta mellorada, actualizada en función das novas necesidades e que promova sinerxías continuas co sistema universitario, especialmente coa Universidade Intercontinental da Empresa (UIE). Igualmente, desenvolvemos unha liña de educación en sustentabilidade, enmarcada dentro dos programas extracurriculares de educación en valores, e poténciase o Centro Interactivo de Educación Ambiental, Naturnova. Todos os centros educativos da entidade integran a formación neste ámbito.

Maiores

Impulsamos esta área desde un novo enfoque no que a tecnoloxía, o envellecemento poboacional e os retos da revolución da lonxevidade vertebran toda a actividade. Con estes obxectivos, incorpóranse programas innovadores de acompañamento a persoas vulnerables, xestión das emocións e de dixitalización, tanto no ámbito urbano como rural. Desenvolvemos así novos proxectos que poñen en valor a experiencia profesional e vital das persoas maiores, dándolles voz e visibilidade, procurando unha sociedade libre de estereotipos e edadismo, promovendo o valor da experiencia deste colectivo. Ademais, impulsamos iniciativas de investigación para contribuír a un mellor coñecemento das perspectivas, necesidades e características das persoas que están nesta etapa vital.

Cultura

As novas tecnoloxías incorpóranse ás actividades, deseñando propostas que fomentan a creatividade participativa, poñendo as ferramentas tecnolóxicas ao servizo da accesibilidade e incorporando novas linguaxes nos contidos e canles que faciliten o acceso da mocidade á cultura. O impulso social é un eixo transversal en todos os proxectos, promovendo iniciativas que visibilicen as necesidades dos colectivos vulnerables e as persoas con capacidades diferentes, que potencien a solidariedade e sensibilicen sobre a importancia da sustentabilidade para preservar o futuro do planeta.

Voluntariado

A través do novo portal Actúa e outras ferramentas tecnolóxicas, desenvolvemos un ambicioso proxecto de voluntariado en liña e presencial para achegar esta iniciativa a outros colectivos e á sociedade en xeral como unha acción voluntaria máis global. Para iso, establecemos alianzas co terceiro sector de acción social, así como con outras institucións ou empresas. Atendendo as necesidades emerxentes, levamos a cabo novos proxectos de innovación e acción social, tanto no ámbito da sustentabilidade como no que se refire ao apoio aos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Como nos financiamos

ABANCA é o noso único mecenas tras a firma en 2015 dun convenio polo que realiza unha achega anual do 3 % dos seus beneficios netos, cun mínimo garantido de cinco millóns de euros para os seguintes 20 anos.

Tamén nos financiamos a través do alugueiro de salas nas nosas sedes e dos inmobles que dispoñemos en diversas cidades; vendendo entradas para espectáculos, cursos e talleres na web ataquilla.com; mediante o cofinanciamento de actividades por parte das persoas usuarias; e a través do Monte de Piedade. Contamos ademais cun servizo editorial e realizamos proxectos de consultoría xerencial para empresas.