O OBXECTO CONTEMPORÁNEO. Unha exposición SIMULTÁNEA, en Ferrol
O 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA, trae unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura. A través do macroproxecto SIMULTÁNEA: sete exposicións, en sete cidades, exploramos como nunca antes a Colección de Arte Afundación nun minucioso traballo que se expón a un tempo nos nosos distintos espazos culturais. O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO é a mostra que analiza o eido íntimo e familiar do ser humano, parándose na vida diaria e a intimidade a través de elementos cotiáns. A Sede Afundación Ferrol acolle a riqueza creativa da historia da arte de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. Do 9 de outubro ao 1 de marzo de 2025, ven celebrar a arte con nós na nosa sala de exposicións ferrolá.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA, AQUÍ.
CONCERTOS DÍA DA MUSICA
O 22 de novembro, con motivo do Día da Música, as salas de exposicións de SIMULTÁNEA acollen varios concertos ás 19.30 h. (As salas de exposicións pecharán ás 19.00 h. A partir desa hora, só poderán acceder as persoas con entradas para os concertos).
FERROL | SOFÍA ESPIÑEIRA
Sofía Espiñeira crea composicións orixinais que beben da raíz, maridando o latexo das músicas do mundo e da canción de autora máis íntima e espida. Tras o camiño feito nos escenarios co seu disco debut Alá onde agroman as herbas, Sofía Espiñeira inicia a súa segunda viaxe musical: Xeografías.
Reserva a túa entrada de balde en Ataquilla.com
Infórmate sobre todos os concertos SIMULTÁNEA AQUÍ.
VISITAS GUIADAS
A partir do 17 de outubro, cada xoves, ás 19.00 h
Inscricións AQUÍ
PASAPORTE SIMULTÁNEA
Convidámoste a viaxares por Galicia adiante e aproveitares para ir visitando cada unha das nosas exposicións SIMULTÁNEA nas sete principais cidades galegas. Con visitares 3 delas e selares o pasaporte, entras nun sorteo!
Comeza a desfrutar do periplo, descubrindo a arte e a tradición galega en cada espazo. Ao final do camiño, igual tes premio!
Solicita xa O TEU PASAPORTE AQUÍ.
Comisariado | PALOMA VELA
CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos FESBAL, tamén forma parte das sete exposicións de SIMULTÁNEA. Colabora cos bancos de alimentos locais, accedendo á mostra e ás súas actividades paralelas cunha doazón de alimentos non perecedoiros. Grazas!
A ilusión compartida que nos move. Infórmate aquí
A MOSTRA
O termo obxecto deriva da palabra latina obectum, que significa «cousa presentada» e, en sentido figurado, «propoñer» e «opoñer», como antítese do suxeito. Na arte, o obxecto ten un compoñente matérico, físico, que o define externamente, pero tamén unha parte subxectiva e simbólica vinculada ao suxeito ao que pertence e representa.
O obxecto foi o protagonista do xénero do bodegón, presente xa no antigo Exipto, onde atopamos tumbas decoradas con pinturas de froitas, vexetais e outros produtos que haberían de servir de alimento para o defunto no alén. Polo bodegón sentiron fascinación os máis grandes pintores, especialmente desde o barroco temperán ata hoxe en día, cando se contempla como un xénero moi diverso, apreciado e versátil.
Nesta exposición abordamos o obxecto desde unha perspectiva contemporánea ―todas as obras pertencen aos séculos XX e XXI― e en clave doméstica, dado que este é o contorno antomástico da vida cotiá, da intimidade. O doméstico non é só un espazo físico, senón un conxunto de relacións, funcións e desexos que habitan nos fogares e definen os seus habitantes, e de aí que algúns artistas recorran a el para representar as súas experiencias persoais.
Estas obras da Colección de Arte Afundación combinan elementos tradicionais do xénero das naturezas mortas cunha perspectiva innovadora e conceptual. A través de orixinais composicións buscan transmitir emocións e reflexións sobre a vida e a sociedade actuais. Os obxectos representados son tanto cotiáns coma simbólicos, invitando o espectador a cuestionar o seu significado e a se mergullar nun mundo visualmente impactante e provocador.
Estamos ante unha visión global que abrangue desde propostas formais próximas ao impresionismo, o cubismo ou o hiperrealismo, ata chegar ao conceptual, e que conforma un exemplo incomparable das múltiples expresións da plástica galega.
Unha nómina de corenta e nove artistas e cincuenta obras narran este capítulo correspondente á cidade ferrolá con nomes coma Luís Seoane, Caruncho, Tino Grandío, Alfonso Abelenda, Carlos Maside, Xaime Quesada ou desde a comarca de Ferrolterra, Segura Torrella, Jorge Llorca e Loureiro.
APARTADOS
OBXECTOS NA MESA
Os obxectos que se incorporan a unha obra axudan a establecer un contexto cultural, social ou histórico. Son ferramentas narrativas que guían a mirada do espectador e enfatizan certos aspectos da composición. Nestas diferentes mesas encontramos obxectos que desempeñan un papel fundamental na creación do significado da obra, xa sexa porque teñen un valor simbólico, por tratarse de elementos de contexto, instrumentos descritivos ou xeradores de emocións. As pezas de Carlos Maside, Luis Seoane ou Rafael Alonso son arquetipos do bodegón clásico pola súa harmoniosa disposición dos elementos dentro da composición. Ao tempo, fan uso de distintos recursos formais que transitan desde o realismo ata os limiares da abstracción.
NATUREZAS DE INTERIOR
A natureza entendida como representación da beleza do efémero permite os artistas conxelar o tempo coas súas pinceladas, captar a súa exuberancia e fraxilidade, e reflexionar con iso sobre a fugacidade e o paso da vida. Esta dualidade entre a vida e a morte faise evidente nos bodegóns, onde a flora é atrapada e amosada como unha celebración da abundancia, pero, á súa vez, é o reflexo da constante transformación do mundo que nos rodea. O realismo co que Alfredo Souto representa un xerro con rosas, o delicado floreiro que roza a abstracción de Tino Grandío ou a ilustración botánica de Perianes, onde a vanitas é tan real que se representa con insectos que devoran a obra, son bo exemplo diso. Todos logran capturar un instante fugaz no que apreciar a beleza mesmo despois de que a materia xa non exista. Cada pincelada convértese nun momento eterno preservado para a posteridade.
PAREDES PINTADAS
Nesta escolma de obra, a coidada distribución dos obxectos sobre os muros e a ausencia explícita da figura humana dan como resultado ambientes ateigados de quietude e calma que conseguen acadar unha atmosfera intimista. Son obras de metapintura, isto é, que xogan co «cadro dentro do cadro», a pintura referénciase a si mesma ao tempo que consegue transmitir unha sensación de tranquilidade e harmonía ao espectador. Nas silandeiras propostas de Elena Gago, repletas dunha dilixente lírica visual, a artista explora a relación entre o conxunto e o detalle, e convídanos a mergullarnos nun espazo tridimensional grazas ao seu exhaustivo estudo compositivo.
LUCES DE CRISTAL
A ilusión de profundidade e tridimensionalidade que as ventás achegan a unha obra contribúe a dar volume, luz e percorrido á composición. Esta quimera conseguida polo vidro xoga un papel crucial na narrativa visual, ao permitir ao artista levar a mirada a un mundo alén da superficie plana do lenzo, ampliando con iso a dimensión do tema. Francisco Llorens, M.ª Victoria de la Fuente, Argüelles e Xaime Quessada fannos partícipes desta ficción nas súas obras. A través do uso da luz, as sombras e os reflexos, invítannos a explorar a ilusión de realidade que se atopa ao fondo do cadro, cara a un mundo aínda por descubrir. A ventá de Monroy, ao contrario, é unha ventá no primeiro termo, que asume todo o protagonismo da escena.
A METÁFORA DO OBXECTO
Utilizar obxectos cotiáns como símbolos ―o obxecto como unha metáfora visual― é un recurso que os artistas empregan de maneira recorrente, invitando o espectador a participar da obra como se se enfrontase a unha adiviña, para descifrar cal é o concepto ou idea que se encerra no obxecto retratado. Así ocorre, por exemplo, nos tres peóns de xadrez de Carlos Rial, na botella que derrama líquido (que en realidade é sólido) de Xurxo Oro Claro ou na cama de Goyanes, como soporte e alegoría do corpo, e máxima expresión de intimidade. Os obxectos desta escolma mergúllannos en territorios profundo e complexos que van máis alá do literal.
A MIRADA FRAGMENTADA
Un patrón pódese definir como a repetición dun elemento de acordo cun certo criterio. É un principio da arte e do universo mesmo. Os patróns, a fragmentación e o ritmo están detrás destas composicións heteroxéneas que resultan fascinantes, intrigantes e mesmo hipnóticas. Tal é o caso do vibrante xogo de texturas de Lamazares, o casi simbólico reflexo de Luis Alcántara ou a táboa rítmica, case musical, de Rafael Úbeda, que, entre outras propostas, contemplamos como auténticos poemas visuais.
CATÁLOGO
O proxecto SIMULTÁNEA, coas súas sete exposicións nas sete urbes galegas, recóllese neste traballo que pretende centrar a ollada nas relacións e diálogos que enriquecen a lectura da Colección de Arte Afundación alén do seu interese cronolóxico. Este catálogo, pois, é un reflexo da diversidade de ópticas con que foi analizada e organizada desta volta a Colección. Foron sete especialistas quen abordaron as introducións de cada un dos sete capítulos:
José Manuel García Iglesias, MODO RETRATO; Asunta Rodríguez, O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO; Carlos L. Bernárdez, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO; Federico L. Silvestre, ESPAZO ABERTO E NATUREZA; Miguel Ángel Cajigal, ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS; Mercedes Rozas, ARQUITECTURAS NARRADAS; Pilar Corredoira, VOAR COA IMAXINACIÓN.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.