Exposición SOÑO DE NAVEGANTE. Colección de arte cubano contemporáneo Luciano Méndez Sánchez, en Ferrol
A partir da revisión dos fondos da Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez, a exposición Soño de Navegante convida a realizar un percorrido pola arte cubana contemporánea do últimos cincuenta anos; transitando por diferentes temáticas, estilos, soportes e autores que se converteron en imprescindibles dentro do escenario plástico da Illa. A diversidade e riqueza nesta Colección tradúcense na pluralidade coa que se relata a historia pasada e presente: a través da esencia das raíces, da revisitación do “eu”, do soño, e da propia viaxe que supón a identidade. Desde o 21 de setembro e ata o 5 de xaneiro de 2024, visítaa na Sede Afundación Ferrol.
VISITAS GUIADAS para público xeral
13 e 20 DEC | 18.00 h | Sede Afundación Ferrol
co Servizo Educativo Afundación
Enmarcadas en Cultura por Alimentos: trae a túa doazón de produtos non perecedoiros cando asistas.
Estas visitas forman parte do programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS, polo que para participar nelas deberás acceder ao edificio cunha pequena achega de alimentos non perecedoiros e depositala no punto habilitado na entrada para tal fin.
comisarias | YADIRA DE ARMAS e ANA GABRIELA BALLATE
Sen evocar unha cronoloxía precisa, Sueño de Navegante discorre entón por unha serie de pezas, memorias e viaxes imaxinadas, onde se reconstrúe a historia visual e cultural dunha nación narrada na voz dos seus propios artistas. Propón unha mirada sobre a cubanidade xunto a unha visión máis introspectiva e mística, vinculada ao que somos, de onde vimos e cara a onde imos. É así, como descubríndonos nese soño e nesa viaxe, na procura das raíces, é posible desvelar na mostra, desde a narración e o parafraseo visual, lazos con Galicia, esoutra terra de onde navegantes, migrantes, soñadores, partiron cara á illa de Cuba e deixaron -tanto como se permearon no mapa social, cultural e antropolóxico-, parte da súa pegada en 500 anos de historia que comprenden un cúmulo insospeitado de legados a ambos os dous lados do océano.
ARTISTAS
Roberto Diago / Santiago Rodríguez Olazábal /José Bedia / Pedro Pablo Oliva / Manuel Mendive / Carlos Quintana / Alfredo Sosabravo / Moisés Finalé / Roberto Fabelo / Pedro Pablo Oliva / Ernesto Rancaño / Carlos Otero e Ira Kononenko / Alexis Leyva Machado / Luis Enrique Camejo / Alejandro Gómez Cangas / Juan Carlos Pérez Balseiro / Niels Reyes / Daniela Águila / Gabriel Sánchez Toledo / Rafael Pérez Alonso / Jorge Otero / Vicente Hernández
A EXPOSICIÓN
Entrelazadas por unha historia común, un tronco orixinario do cal, mesturado con outras raíces xurdiron pólas de singularidade excepcional, a cultura cubana e a española posúen numerosos elementos en común. A idiosincrasia, moitas das tradicións, vocábulos, refráns e maneiras de ver a vida, son o froito do fluxo constante entre unha terra e a outra, que durante séculos, fraguou a relación entre estes dous países.
Entre Cuba e Galicia os lazos son igual de estreitos. Chegando a ser A Habana a segunda cidade co maior índice de galegas e galegos fóra de España a principios do século XX; tendo orixe o himno de Galicia na Habana; e confeccionándose a primeira bandeira galega en Cuba; a relación entre ambos os escenarios é innegable. Desta maneira, explícase que unha colección de arte cubana, entretecida pola man dun coleccionista español -Luciano Méndez Sánchez-, poida contar entre os seus pasos coa presenza en chan galego.
A arte cubana responde ao seu contexto, en igual sentido que a arte contemporánea cubana o fai á súa época. Con todo, as influencias das que bebe son palpables, e desde Goya ata Picasso, desde o mito africano ata a herdanza hispana, poden ser prezados en cada unha das súas obras. Artistas cubanos e españois tiveron como influencia semellantes referentes que logo evolucionaron ata xerar o seu propio discurso. Como exemplo basta subliñar que o Museo Nacional de Belas Artes de Cuba posúe, hoxe en día, a mellor colección de pintura do século XIX español fóra das nosas fronteiras.
Artistas españois de toda índole viaxaron a terras cubanas para poder entender e comprender todo o seu traballo, pero non só os artistas plásticos senón tamén literatos, bailaríns, músicos, intelectuais... Comprender a arte cubana resulta case imposible entón sen ter en conta a súa orixe e o constante regreso ás raíces tricontinentais de Europa, África e Latinoamérica. Produto dos innumerables préstamos que nestas viaxes se xeraron, configurouse, cos anos, a identidade da arte da Illa. O resultado final, enunciando ao gran Fernando Ortiz, é o dun “ajiaco” cultural, no cal a mestura dos seus compoñentes orixina un produto final, tal cal a crioulidade, traducido en cubanidade e que se viste de insularidade.
Agora ben, máis aló de estilos, técnicas ou pertenza a movementos artísticos, algo que se expón como un tronco común na arte cubana é a presenza da súa idiosincrasia. Unha idiosincrasia única e singular, que, aínda que atopa puntos en común con outras culturas, pon de manifesto quen somos e de onde vimos. E nesa procura por aqueles elementos que afianzan a relación cultural e histórica entre Cuba e España, a arte converteuse nun escenario onde palpar esas interconexións. Un legado que ata o día de hoxe transita e viaxa pola cosmogonía dos seus creadores.
Un dos trazos que sustentou a creación e a cultura galega foi precisamente o seu arraigado misticismo: as súas crenzas, os seus mitos, parte das súas tradicións que quedaron documentadas e que transcenderon á súa literatura, a súa música, a súa arte. Iso tamén o posúe a cultura cubana, por unha banda como parte dun legado, polos mitos e os ritos que foron levados á Illa por quen de Galicia e tantas outras rexións atoparon nesoutra terra o seu novo fogar, ou o seu sitio de tránsito; ou polos constantes intercambios artísticos e intelectuais que na Illa tiveron lugar. Así como por esa mestura que sustenta a identidade cubana, fundamentalmente aborixe, africana e española, que forxou unha noción mística para os insulares e que, máis aló dunha actividade espiritual, se concibe coma unha actitude perante a vida, unha maneira de vela e unha forma de vivila, arraigada ao propio ser.
As e os artistas que posúe a Colección de Arte Contemporánea Cubana Luciano Méndez Sánchez, expoñen coa súa imaxinería visual e conceptual, esa maneira individual, introspectiva e mística de entender a vida e entender a nación. Os seus temas erixen sentenzas, case refráns ocultos dunha cultura que nos seus códigos opera cunha sensibilidade inigualable para comprender e superar a existencia.
CATÁLOGO DA MOSTRA. Descarga de balde:
Sueño de navegante. Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez (Afundación, Obra Social ABANCA, 2023)
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
Entra aquí e infórmate polo miúdo.