O Plan de conservación territorial-ON (en adiante PLANCTON), é un plan multidisciplinar co obxectivo principal de fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas na área de influencia das ZEPA mariñas de Galicia, Rede Natura 2000 de ámbito mariño competencia do Estado, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais, especialmente no pesqueiro.

Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.

Canda o xa mencionado, PLANCTON conta con outra serie de obxectivos de tipo específico, estes son os seguintes:

  • Reducir a cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras e no mar.
  • Sensibilizar o sector pesqueiro sobre prácticas sostibles.
  • Aumentar o coñecemento sobre a biodiversidade da Rede Natura 2000.
  • Capacitar o sector pesqueiro en sustentabilidade económica dentro dos seus negocios.
  • Integrar a igualdade e a sustentabilidade no proxecto.

Para traballar cara ao cumprimento destas metas, PLANCTON contempla a realización, entre outras, dunha serie de actividades que se sustentan sobre tres grandes piares, o voluntariado, a educación/ sensibilización e a sostibilidade:

  1. Actividades formativas e de retirada de residuos en fondos grazas á implicación directa de pescadoras e pescadores.
  2. Actividades formativas e de retirada de residuos en praias e zonas húmidas, implicando o voluntariado de diversos sectores.
  3. Actividades de sensibilización dirixidas aos pescadoras/ es e mariscadoras/ es, informándoos sobre os valores da biodiversidade e as mellores accións para a súa conservación.
  4. Actividades divulgativas sobre a Rede Natura 2000 dirixidas ao conxunto do tecido social a través de xornadas e mostras.
  5. Actividades informativas relativas aos valores ambientais e ás prácticas socioeconómicas sostibles dentro das ZEPA mariñas de Galicia, en prensa, web(s) e redes sociais.
  6. Actividades de asesoramento sobre sostibilidade económica en materia pesqueira e acuícola dirixidas a profesionais de ambos os sectores.
  7. Actividades relativas aos principios horizontais da igualdade e a sustentabilidade.

Para a súa correcta execución e desenvolvemento, PLANCTON conta ademais coa participación doutra serie de entidades colaboradoras, entre elas:

  • ANFACO
  • ANMUPESCA
  • CEPESCA
  • Consello Regulador do Mexillón de Galicia
  • Federación Galega de Confrarías de Pescadores
  • Federación Nacional de Confrarías de Pescadores
  • Federacións provinciais de Confrarías de Pescadores
  • Grupos de Acción Local do sector pesqueiro
  • Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
  • Asociación Bata
  • Asociación Con Eles
  • Federación Galega de Actividades Subacuáticas
  • Federación Galega de Vela
  • Grupo Naturalista Hábitat
  • Espazos +60 AFundación
  • IESIDE
  • Naturnova